DEDICADA A TÓDOLOS AMANTES DA NATUREZA

lunes, 26 de abril de 2010

Proxecto Life + "Accións contra o Veleno"

O pasado 19 de abril presentouse na sede do Ministerio de Medio Ambiente, Medio Rural e Mariño o proxecto LIFE+ "Accións para a loita contra o uso ilegal do veleno no medio natural de España". Este proxecto cofinanciado pola Comisión Europea mediante o programa LIFE+, será coordinado pola SEO/Birdlife e os seus socios nesta iniciativa, a "Fundación para la Conservación de los buitres (VCF)" e a Xunta de Comunidades de Castela A Mancha e no que colaboran os cazadores (RFEC).
Unha das maiores lacras para a nosa fauna segue a ser o emprego do veleno que cada ano causa abondosas baixas entre os carnívoros, e que afecta especialmente a especies en perigo de conservación como a águia imperial, o lince, o oso, voitre negro e o crebaosos. Esta estratexia a nivel nacional parte con catro obxectivos: Acadar que 7 comunidades autónomas aproben os seus plan de acción, mellora-la vixilancia e detección dos casos de envelenamento, amosar que existen medidas alternativas ó emprego de veleno ( métodos legais de apresamento de depredadores) e acadar unha ampla difusión do problema na sociedade.

Máis información


http://www.rednatura2000.info/index.php/biodiversidad/224-administraciones-publicas-y-ong-conservacionistas-se-unen-para-luchar-contra-el-veneno-en-el-medio-natural

domingo, 25 de abril de 2010

Proxecto Wolf

O pasado 16 de Abril presentouse o proxecto "Wolf: Wild Life & Farmers" de ámbito transnacional co fin de compatibiliza-la coexistencia do lobo e a vida rural. Nel participan grupos locais de Galicia, Castela e León, Asturias e os países europeos na mesma situación como Portugal, Suecia, Estonia, Bulgaria e Romanía. Este proxecto pretende ser un programa de xestión e sostemento para a especie e o desenvolvemento da actividade rural. Tamén pretende ser unha ferramenta de integración para que os países con presenza de lobo traballen de forma conxunta pola conservación da especie.

Esta é unha interesante iniciativa integradora que pretende minimiza-lo histórico conflito entre o lobo e os gandeiros. A priori abordará a prevención de danos, indemnizacións, furtivismo, o delicado asunto do control poboacional, estudo e divulgación dos seus resultados, a concienciación social do valor da especie e a súa posta en valor como recurso turístico.

Programa completo do proxecto Wolf

Proxecto Wolf

jueves, 22 de abril de 2010

III Encontro sobre o lobo galego

A vindeira fin de semana celébrase o III Encontro sobre o lobo galego no CEIDA de Santa Cruz (Oleiros). O sábado 24 de Abril temos conferencias de Llaneza, Roberto Hermida, Jose Luis Fidalgo e Francisco Javier Franco e unha mesa redonda con representantes da administración, gandeiros e agricultores para trata-la problématica dos danos ocasionados polo lobo. O domingo 25 organizouse unha visita guiada ás instalacións de Marcelle Natureza ( Outeiro de Rei) e un roteiro polo Incio.

Deixo o enlace ó programa detallado
III Encontro sobre o lobo galego

jueves, 15 de abril de 2010

Voitres no Suído

Xa comezan a deixarse ver no Suído as especies estivais como a tartaraña cincenta (esp; aguilucho cenizo, lat; Circus pygargus) e o pedreiro cincento (esp; collalba gris, lat; Oenanthe oenanthe) como podedes ver na foto abaixo. Pero estes días tivemos unha visita especial, o voitre leonado (esp; buitre leonado, lat; Gyps fulvus). Subindo o Suído, puiden ver como a silueta dunha ave rapaz inmensa, dun porte extraordinario, se dirixía cara á miña posición. Mentres me sobrevoaba a pouca altura, semellando unha nave nutriz que escudriñaba cada metro de terreo na busca de
alimento, a beleza en voo deste auténtico sanitario do medio natural fascinoume. O voitre axúdase das súas enormes ás e as correntes térmicas para planar e patrullar grandes extensións de terreo coa axuda da vista privilexiada que caracteriza ás aves rapaces. Con entre 2,50-3mtr de envergadura, as súas características plumas no pescozo (leonados), plumaxe parda e pico ganchudo, o voitre aliméntase basicamente de preas, e atópase coma tantas outras especies en clara regresión na Península Ibérica.

Pouco despois estiven observando outro exemplar planando en círculos. Aínda que moita xente se soprenda, na provincia de Pontevedra aínda temos voitres.

sábado, 10 de abril de 2010

Inaugurada a Exposición Amigo Lobo

O pasado Martes 6 de Abril inaugurouse a Exposición Amigo Lobo en Marín. No acto de presentación reproduciuse o documental " Pacto con lobos" de Carlos Sanz, e a continuación o propio Carlos deu unha conferencia moi amena na que falou sobre os mitos que tanto prexudican ó lobo, contounos algunhas das súas vivencias con Félix Rodriguez de la Fuente e deu un repaso xeral á situación do lobo en España dende unha visión optimista. Explicou tamén cales son as maiores ameazas para a conservación do lobo, e como non, a difícil relación do lobo cos gandeiros e as posibles solucións para minimiza-lo conflito.

Como a maior parte de vós sabedes, Carlos dende hai 35 anos vive con lobos e falou emocionado da súa experiencia como membro da manada, que acepta ós seus propios fillos rompendo o mito do lobo devoranenos. Para rematar, o que me segue dando moita envexa, foi escoitarlle contar como cada día ten o privilexio de ouvear cos seus lobos como un máis.

O obxectivo de todo este traballo é que a xente poida coñece-lo noso lobo, porque quen coñece ó lobo, aprende a respectalo.

sábado, 3 de abril de 2010

Chega a exposición Amigo Lobo a Marín


O que hai varios meses me daba voltas na cabeza só como unha idea, hoxe é unha realidade e a Exposición Amigo Lobo chega a Marín este vindeiro martes. Non quixera deixar pasa-la ocasión para agradecerllo ás persoas que o fixeron posible. En primeiro lugar como non a Carlos Sanz pola súa teima na loita pola conservación do lobo, e sobre todo pola súa boa disposición á hora de axudar sempre ós que nalgún momento o precisan. A Pilar Blanco do Concello de Marín polo seu apoio a esta causa e porque puxo tódolos medios precisos para que se acolla a exposición no museo municipal e para que se celebren as xornadas. Moi especialmente para Verónica da Protectora de Animais de Marín, quen fixo un traballo en segundo plano que non se ve, pero sen o que nada disto sería posible. Ela foi a que me abriu as portas do Concello e quen expuxo inicialmente a proposta de trae-la exposición que finalmente encaixou. Dende a protectora levan a cabo unha campaña de sensibilización nos colexios polo respecto ós animais, cuxa figura principal é o noso lobo, o que é de admirar.

A todos eles lles estou moi agradecido por contribuír este ano á conservación do lobo en Galicia que falla fai.

A continuación deixo o programa completo.

Actividades lobeiras Marín

Tríptico informativo