DEDICADA A TÓDOLOS AMANTES DA NATUREZA

sábado, 30 de enero de 2010

Exposición Amigo Lobo en Galicia

Da man de Carlos Sanz, prestixioso biólogo, amigo e colaborador de Félix Rodriguez de la Fuente, que tomou o relevo deste na defensa e conservación do lobo, dende o ano 2001 a exposición máis completa sobre o lobo ibérico percorre todo o territorio nacional, contribuíndo á sensibilización, á divulgación e conservación do noso “amigo lobo”. Despois da Semana Santa a exposición chegará ó museo municipal “Manuel Torres” do Concello de Marín (do 6 de Abril ata o 10 de Xuño ), onde poderemos coñecer mellor a vida do lobo real.

Xunto coas xornadas educativas nos centros de ensino, aproveitarémo-la estancia da exposición para facer visitas guiadas a tódolos colexios interesados. O Concello de Marín fretará autobuses de forma gratuíta para facilitar os desprazamentos dende os centros.

Os meus máis sinceros agradecementos pola axuda que me prestaron, e por facer que o que era unha idea se fixese realidade, a Verónica (Protectora de Marín), a Pilar Blanco (Concello de Marín) e como non a Carlos Sanz.

Próximo Roteiro polo Suído

A Serra do Suído, é un lugar máxico onde todo acontece máis amodo, lonxe das présas da vida cotiá. Camiñando por entre os antigos chozos dos pastores, os foxos do lobo, mámoas, petróglifos e vieiros centenarios, a esencia doutra época lonxana case se pode apalpar. Aquel tempo no que o home sobrevivía cos recursos que o medio natural lle outorgaba.

Cun pé na provincia de Pontevedra e outro na vertente Ourensá, a Serra do Suído aséntase nos concellos de Covelo, Fornelos de Montes, A Lama,Avión e Beariz. Media montaña galega con predominio de pastos e matogueiras, como resultado de séculos de explotación gandeira, e rochas graníticas de liñas suaves conforman a súa paisaxe.


A saída está prevista para a mañá do derradeiro sábado de Marzo. O percorrido será suave sen dificultade. Pode apuntarse todo aquel que lle apeteza enviándome unha mensaxe a miña conta de correo.

domingo, 24 de enero de 2010

Comezando polos máis novos

Comezando polos máis novos, é unha iniciativa na que xunto coa Protectora de Marín traballarei organizando xornadas educativas nos colexios para sensibilizar ós máis pequenos no respeto polos animais. Os nenos, quenes poderán o día de mañán transmitir a súa vez ós seus propios fillos o coidado dos nosos compañeiros. E como non, os que me coñezan mellor, xa terán adiviñado que unha parte importante destas xornadas terá coma protagonista ó lobo.
Tentaremos amosar ó lobo real, dunha forma sinxela, co gallo de desmitificala súa versión fantástica e achegando aspectos xerais de lobo como animal social.
Todo isto non sería posible sen a axuda da Protectora de Marín, especialmente de Verónica, por tentar facer un mundo mellor. E como non, a Carlos Sanz polos seus consellos e a cesión do seu material fotográfico para prepa-la presentación que empregaremos nos colexios.

Presentación que preparei para a ocasión:
http://www.protectoramarin.com/src/ConoceLobo.pdf

sábado, 23 de enero de 2010

A outra cara do Lobo

Na miña paixón pola natureza, se algún animal admiro por encima de todos, sen dúbida algunha é o lobo. A primeira vez que o vin, hai máis de dez anos, coñecín un animal extraordinario, que conformou para min a representación dos animais ceibes e salvaxes. Dende aquela, os nosos camiños cruzáronse moitas veces. Canto máis o coñezo, canto máis o observo, máis o admiro. E máis se cabe, son consciente das tremendas inxustizas que se cometen contra o luxo que é o lobo ibérico. Esa imaxe tan negativa dos contos e fábulas, a dun animal sanguinario devoranenos, nada ten que ver co animal real, o biolóxico. A pesar disto, por tradición ou ignorancia, mantense nunha grande parte da sociedade o medo a ese animal que só existe en contos coma o de carapuchiña vermella.

Estou firmemente convencido de que a conservación do lobo ibérico, pasa porque se coñeza a verdadeira cara de este magnífico depredador. Concienciación e sensibilización. Coñecer para conservar. E aquí, sen dúbida algunha, podo traballar transmitindo a miña experiencia directa e dando a coñecer a outra cara do lobo.