DEDICADA A TÓDOLOS AMANTES DA NATUREZA

sábado, 27 de febrero de 2010

¿Coñeces ó lobo? Presentación para os colexios

Dentro da campaña de sensibilización que impulsei este ano para desmitifica-la negativa imaxe do lobo, preparei unha presentación orientada ós máis novos que me servirá como base para impartir charlas nos Colexios. O obxectivo é transmitirlles ós cativos cal é o lobo dos contos e fábulas, e cal é o animal real, o biolóxico que nada ten que ver co anterior. Que teñan outra visión ensinando as diferenzas entre mito e realidade, e achegándoos á misteriosa vida do lobo dende o seu nacemento, ata a súa organización social, o seu territorio, as características da subespecie ibérica e a súa alimentación.

Link á Presentación

miércoles, 24 de febrero de 2010

Protocolo ante Delitos contra o Medioambiente

Elaborei un documento que describe as pautas básicas que debemos seguir cando nos atopemos ante evidencias ou indicios dun delito contra o medioambiente. Centreime nun modelo orientado cara á fauna, e especialmente para o lobo, pero é aplicable a calquera situación. Basicamente consiste en avisa-lo Seprona (062), ou notificala a través do 112, e recoller tódolos datos de interese posibles.

Enlace ó arquivo:
Protocolo ante Delitos Contra o Medioambiente

lunes, 22 de febrero de 2010

Curiosidades: Luperca, ilustre loba…

Inauguramos unha nova sección de "Curiosidades" da man de Cristian. Nela contaranos aquelas anécdotas máis inusuais e sorprendentes relacionadas coa natureza, e moi especialmente co lobo. De seguido, a súa primeira entrada, "Luperca".

Non sei se algunha vez puidestes meditar sobre o protagonismo do lobo no mundo. Pero, ¿ que pasa coas lobas? Non, non pensedes mal.... Temos ilustres lobas como Luperca. Na mitoloxía esta loba foi a que aleitou a Rómulo e Remo cando foron guindados nuns canastros polo río Tiber por orde do rei Amulio. ¡Esta loba fixo as veces de nai dos fundadores de Roma! Así que deixade de contar ós vosos cativos contos como os de Carapuchiña vermella ou Os Tres porquiños, onde se transmite unha visión negativa do lobo, e contádelle a historia de Luperca. A bondade e afecto desta loba foi representada nunha escultura de bronce (A loba Capitolina), non podía ser menos, pero como toda ilustre personaxe ata na súa representación existe debate. Todo apuntaba a que era unha escultura etrusca, pero finalmente demostrouse que data do medievo e as figuras de Rómulo e Remo foron engadidas no Renacemento. Mais, o frío bronce non lle fai xustiza a esta cálida loba, ai Luperca! Ilustre loba...

domingo, 21 de febrero de 2010

Visita do Paxaro Carpinteiro

Sentado na casa observando pola fiestra, case como esperando que acontecese, o paxaro carpinteiro máis popular, o Peto Real ( Dendrocopos Major), poúsase nun piñeiro próximo. Trátase dun macho que se distingue das femias por te-la parte posterior da cabeza vermella. Teñen as unllas como os loros, que lle permiten gabear polos troncos con facilidade. E as duras plumas caudais ( da cola), que lle serven, como se ve na foto, para afianzarse nos troncos.

Deléitanos con vinte minutos da súa vida. Incansable na busca de alimento extraendo insectos da árbore, e picando no piñeiro para con ese son inconfundible marca-lo territorio. Esta vez, son quen de quitarlle algunha foto que vos deixo de mostra. Aínda que o día gris e o cristal da fiestra réstanlle calidade á imaxe, compensa a fermosura e as cores vivas desta magnífica ave. De novo volvo a sentirme un privilexiado por te-la natureza na porta da casa.

lunes, 15 de febrero de 2010

E despois da denociña, a algaria

E despois da denociña, a algaria. Neste recuncho do Tea, cunha rica variedade de fauna, topámonos cun fermoso carnívoro, a algaria (genetta genetta). De actividade nocturna, este inconfundible depredador solitario, que gabea con facilidade, aliméntase principalmente de pequenos mamíferos,aves, anfibios e réptiles. As ameazas principais para a conservación da especie, son a destrución do seu hábitat e os atropelos. Deixo a foto das pegadas que deixou. Como comparativa do tamaño, podemos tomar como referencia as pegadas da miña cadela, á dereita na imaxe, de 6 x 4,5 cm.

martes, 9 de febrero de 2010

Pequenos carnívoros no Tea

Camuflados na beira do Tea observando aves, comezamos a escoitar ás nosas costas un barullo no medio da follasca. Permanecemos quedos para pasar desapercibidos, intrigados por saber quen armaba ese alboroto que se achegaba. De súpeto, por entre as follas, vimos a pouco máis dun metro como apareceu unha áxil denociña (Mustela nivalis), que tal vez levada polo rastro recente dalgunha presa, non se decataba da nosa presenza. Pero chegada a esa distancia, detívose un intre diante nosa, e tal como chegou, desapareceu a gran velocidade. E así topamos de novo con este esquivo e fermoso matador, o que sempre é unha ledicia. A natureza á porta da casa.