DEDICADA A TÓDOLOS AMANTES DA NATUREZA

sábado, 19 de junio de 2010

Encontro de adoptantes Protectora de Marín

O vindeiro día 27 de Xuño a Protectora de animais de Marín celebra un encontro de adoptantes no lago Castiñeiras. As portas están abertas a todo aquel que desexe pasar un bo día entre amigos, e apoiar a labor da protectora de Marín que supón un exemplo a seguir. Ó longo da xornada unha adestradora de cans para persoas discapacitadas, dará unha charla sobre o paseo, así como consellos básicos para unha boa convivencia cos nosos mellores amigos. Tamén haberá un chamamento especial para a campaña de verán " non me abandones", para concienciar á sociedade sobre o respecto polos animais e sobre as consecuencias do abandono que se dispara cada ano nestas datas. A protectora fai un traballo excelente dando unha segunda oportunidade ós animais menos afortunados. Ademais disto, son quen de chegar alí onde se está cometendo unha inxustiza e respaldar outras iniciativas en principio alleas ó seu obxectivo, e porque son un exemplo de xenerosidade sempre terán o meu profundo respecto e admiración.

Máis info na web da protectora

http://www.protectoramarin.com/nova.php?filId=280&filIdioma=G

domingo, 6 de junio de 2010

Galicia Non é Verde


Unha vez máis, o afán de lucro impulsa a ampliación dos parques eólicos na serra do Suído. O pasado 25 de maio, publicouse no DOG a instalación de novos parques eólicos e ampliación dos xa existentes na nosa Comunidade.

Novamente o interese privado prevalece sobre o interese público. A empresa Eurovento pretende ampliar o parque eólico na serra do Suído (pendente de incluírse na Rede Natura) para rematar de estraga-lo valioso patrimonio que alberga. Resulta sorprendente que este mesmo proxecto que fora presentado con anterioridade (2007) e desbotado pola Xunta por motivos de conservación ambiental, tres anos despois é aprobado. O alto valor natural da serra que hai uns anos era recoñecido e valorado, agora desbótase.

A nova infraestrutura desprazaría un grupo reprodutor tradicional de lobo ibérico ocupando o núcleo do seu territorio. Se a isto lle sumámo-la intención de instalar preto unha canteira, a perda de hábitat e as perturbacións derivadas do tránsito de persoas ocasionarían demasiada presión para uns animais que xa hoxe sobreviven nunhas condicións extraordinariamente difíciles.

Témo-la obriga de protexe-lo noso, a terra da que formamos parte. Calquera axuda para tentar para-lo proxecto é benvida.

miércoles, 2 de junio de 2010

Orballiñas: as plantas carnívoras do Suído

Cando chego ó Suído a tranquilidade, o recendo antigo e natural doutro tempo, convídanme a adentrarme na súa intimidade deixando as miñas pegadas nos camiños gastados. A variedade e riqueza natural que atesoura a serra máis aló de lobos, rapaces, turbeiras, fragas, chozos, ríos e foxos, é sorprendente. Nas zonas máis encharcadas atopámo-la Orballiña (Drosera Rotundifolia). Estas fermosas plantas carnívoras aliméntanse de insectos ós que atraen pola cor vermella das súas follas. Ó pousarse nelas quedan atrapados nos pegañentos tentáculos e son dixeridos por encimas que disolven os seus corpos. Esta planta pequena e loitadora que habita en terreos moi pobres en nutrientes e ácidos, adaptouse ó medio para sobrevivir a base de insectos da mesma maneira que moitos animais insectívoros.

A pesar das agresións dos parques eólicos, pistas e estradas, a serra aloumiña a tódolos que nos achegamos a visitala. Témo-la obriga de preservar este xoia da dorsal galega.