DEDICADA A TÓDOLOS AMANTES DA NATUREZA

jueves, 22 de julio de 2010

A curiosidade do lobo


Nun contorno tan humanizado como o que temos en Pontevedra, o lobo, que é un animal cunha extraordinaria capacidade de adaptación, é quen de convivir entre nós pasando inadvertido.

Recentemente puiden observar como o lobo, que é moi curioso, contemplaba con atención o desenvolvemento da vida desoutro animal co que mantén unha relación tan complexa como é o home. Chegaba nas primeiras horas do día un lobo, probablemente cansado da súa actividade nocturna na procura de alimento, e escolleu un claro na vexetación para descansar e quentarse cos primeiros raios de sol que comezaban a aloumiñar o monte. Permaneceu alí un bo anaco, ata que de súpeto ergueu a súa poderosa cabeza coas orellas ergueitas fixando a vista nun camiño. Estaba observando como unha persoa avanzaba nunha bicicleta de montaña polo tramo que el percorrera antes. Cando o ciclista saíu do seu campo visual, o lobo ergueuse e deu uns pasos ata chegar ó bordo do mato de toxo para poder ver como as derradeiras pedaladas se perdían ó lonxe. Ó mesmo tempo na zona máis baixa da montaña, víanse dúas persoas traballar arreo nunha granxa.

Esta é a maneira que nos tocou vivir, moitos en pouco espazo. Temos que aprender a convivir respectando o medio natural e a tódolos elementos que forman parte del.

jueves, 1 de julio de 2010

Presentado o recurso contra o parque eólico do Suído


O pasado 17 de Xuño presentamos un recurso de alzada para tentar parar o proxecto de instalación do novo parque eólico na Serra do Suído denominado "Bidueiros fase II", promovido pola empresa EUROVENTO S.L. e permitido pola Xunta de Galicia.

A Xunta dá o visto bo para que unha zona de alto valor ecolóxico candidata para a súa inclusión na Rede Natura 2000, sexa estragada por un novo parque eólico. A serra alberga multitude de especies protexidas a nivel autonómico que figuran no Catálogo Galego de Especies en perigo de Extinción, e que son consideradas de Interese Comunitario segundo a Directiva 92/43/CEE relativa á conservación dos hábitats naturais e da fauna e flora silvestres, e a DIRECTIVA 2009/147/CE relativa ás aves silvestres. A medida que avanzan indiscriminadamente os parques eólicos, os nosos montes e a nosa fauna van desaparecendo, e parte de nós con eles. O vindeiro paso será presentar unha reclamación perante a UE.