DEDICADA A TÓDOLOS AMANTES DA NATUREZA

domingo, 31 de octubre de 2010

Vender produtos a calquera prezo


Despois da desafortunada campaña de tráfico en Pamplona, atopamos dúas campañas publicitarias de grandes empresas comerciais que sitúan de novo ó lobo no punto de mira.

Vodka Eristoff realizou un vídeo publicitario cuns lobos, domesticados e empregados tamén para películas e reportaxes, que corrían por unha autoestrada para atacar a un policía. Presentar a unha especie protexida que sofre unha intensa persecución, coma o lobo feroz atacando ó home, amosa que todo vale para vender os seus produtos. Unha das consecuencias desta campaña, é que un extracto foi difundido en medios de comunicación en todo o mundo como se se tratase dun ataque real de lobos salvaxes a un policía. Non se pode tolerar que un medio de comunicación convirta un anuncio dunha marca comercial nun suceso "real" e sensacionalista, simplemente para gañar audiencia, amosando unha falla de respecto pola nosa fauna, e especialmente polo lobo.

Vídeo completo de Vodka Eristoff onde se pode comprobar que se trata dunha campaña publicitaria.

http://www.youtube.com/watch?v=6AT89TDVpPU&feature=player_embedded

Red Bull sorpréndenos cunha campaña publicitaria de radio e televisión, cunha versión do conto de carapuchiña vermella que converte de novo ó lobo no malo do conto, e na que pretenden que sexa divertido que carapuchiña e a avoa, que ten a súa habitación convertida no cuarto dos horrores, se preparen para ir cazar lobos.

Vídeo de Red Bull
http://www.youtube.com/watch?v=F1fmbg-oFrU


Se queres expresar a túa opinión e reivindicar o respecto pola nosa fauna, podes enviar un correo a:


Vodka Eristoff España
contacta@eristoff.es

Red Bull España
info@es.redbull.com

sábado, 30 de octubre de 2010

Lamentable campaña de tráfico en Pamplona


Lobos e crocodilos convertidos en monstros para advertir ós nenos de Pamplona do perigo nos pasos de peóns. Esta vergoñenta iniciativa que converte ó lobo nunha icona de perigo, presenta ós máis cativos a un animal terrible coas fauces abertas mostrando os seus enormes dentes e esperando á porta do colexio para comelos. Se queres manifestar a túa opinión, podes facerlla chegar ó concello de Pamplona (pamplona@pamplona.es) e a Edmundo Irujo, diretor creativo da axencia de publicidade Artworks (info@artworks.ws).


Podes visitar o blog de Carlos Sanz onde atoparás máis información sobre esta campaña a favor do lobo ibérico.

http://amigolobocarlossanz.blogspot.com/

lunes, 25 de octubre de 2010

Un lobo morto nun lazo na Cañiza


Falla total de respecto polo medio natural, polo noso patrimonio e pola vida. O lobo no ano 2010 non atopa acougo. Asediado por escopetas, lazos, veleno e cepos, loita por sobrevivir. A agonía dunha especie que reflicte a decadencia e desaparición do noso ecosistema. O xoves pasado un lobo macho duns 3 anos, morreu ó caer nun lazo de aceiro no concello da Cañiza. Un máis nunha abultada lista. Foi un lobo, pero puido ser un can, un raposo, un corzo, un xabaril ou calquera outro animal doméstico ou silvestre. O home sen senbilidade, o destrutor de natureza, unha eiva da nosa sociedade.


Preme o enlace para ler a noticia completa
http://www.farodevigo.es/comarcas/2010/10/25/lobo-muere-caer-lazo-puesto-caniza/484045.html

martes, 12 de octubre de 2010

Os lobos en Galicia 2010

Investigación: Danos ó gando, non sempre é o lobo

No Reino Unido, onde non hai lobos, rexístranse anualmente unha media de 30.000 ovellas e 10.000 años mortos por cans silvestres. No noso país, onde contamos coa presenza do lobo, atribúenselle máis do 90% dos danos ó gando doméstico. Un estudo da Estación Biolóxica de Doñana ( Jorge Echegaray e Carles Vilá) revela que o lobo prefire presas silvestres para alimentarse, e os cans salvaxes inclínanse polo gando doméstico. O resultado da investigación a partir do análise da ADN de excrementos e a súa composición, apunta que na dieta do lobo atopamos só un 3% de restos de ovellas, sendo no caso dos cans silvestres un 32%.

Outro estudo recente de Isabel Barja nos montes do Invernadoiro ( Ourense), analizou a composición de excrementos de lobo. O resultado foi que no 87% dos casos contiñan restos de ungulados silvestres, e só nun 11% atopou restos de gando doméstico.

A aparición de presas domésticas é moito máis elevada nos cans, e os lobos mostran marcadas preferencias polas presas silvestres. O resultado destas novidosas investigacións, suxire que é probable que tradicionalmente se lle atribúan ó lobo máis danos dos que realmente produce, podendo ser nalgún caso causados por cans. A conflitividade co gando e a persecución por mor destes supostos danos, xunto coa perda de hábitat de calidade, é unha das maiores ameazas para a viabilidade da poboación de lobos.