DEDICADA A TÓDOLOS AMANTES DA NATUREZA

domingo, 31 de julio de 2011

A misteriosa "loba" negra


Un día observouse nos montes da Península Ibérica no territorio dun grupo estable de lobos un "exemplar" negro. Entón xurdiron todo tipo de especulacións sobre se este sería un lobo, o resultado dunha hibridación ou un can asilvestrado.

As dúas primeiras opcións cobraron maior forza ao observar que se trataba dunha femia e que estaba perfectamente integrada no grupo, co cal a opción do can asilvestrado descártase de inicio porque sería bastante improbable que este chegara a integrarse no grupo de lobos, xa que estes últimos teñen unha alta intolerancia cara os seus parentes domésticos.

No caso de tratarse dun exemplar de lobo negro, melánico, algúns científicos apuntan que esta característica é o resultado dunha mutación xenética debida ao apareamento nun pasado lonxano de lobos con cans domésticos. Esta sería unha das consecuencias de introducirse na secuencia xenética do lobo ADN de can. Poderíamos discutir se isto supón unha vantaxe fronte ás novas condicións do medio, ou se supón unha desvantaxe ao facer que estes exemplares sexan máis detectables.

A hibridación entre cans e lobos, aínda que é posible, en condicións naturais é pouco común. Estudos detallados comparando diferentes poboacións de lobos e cans, conclúen que estas están xenéticamente ben diferenciadas, e en liberdade aínda en zonas altamente humanizadas coma a Península Ibérica, este tipo de cruces son anecdóticos e cando se producen a súa descendencia ten poucas probabilidades de integrarse en poboacións estables de lobos.

Despois de dous anos o misterio segue sen resolverse, e só unha análise xenética determinará a identidade da coñecida coma "loba negra" que, xunto co resto do grupo de lobos, segue espertando a nosa curiosidade e admiración por ser quen de formar parte da riqueza dos nosos montes.


Se alguén ten algo que aportar ou coñece casos similares na Península Ibérica pode facelo no enderezo pope55@hotmail.com

domingo, 10 de julio de 2011

Lobo: especie ameazada, ¿ Por quen?



Aínda que resulte sorprendente é quen nos goberna, a propia Xunta de Galicia, quen ven de autorizar dúas batidas ao lobo en plena época de cría en Porto do Son. Asistimos a un novo despropósito da administración galega que autoriza dúas batidas na época máis sensible do ano para unha especie moi presionada.

Na letra pequena do propio Plan de Xestión do lobo de Galicia, a Xunta se asegura poder exercer controles de poboación nesta época transcendental no ciclo biolóxico da especie como "casos excepcionais":

"Los períodos en donde se realicen los controles evitarán, salvo casos excepcionales que tendrán que estar especialmente justificados, la época de reproducción de la especie (de marzo a julio)."

Dende a Coordinadora de Protectoras Provincia Pontevedra pedimos á Xunta información sobre as batidas e a xustificación destas medidas de carácter "excepcional" que avalaron a decisión.

Solicitamos á administración medidas alternativas ás batidas para previr as perdas que poida ocasionar o lobo. Que fomente entre os gandeiros medidas de prevención efectivas ( mastíns, pastores eléctricos,...) e dende o punto de vista económico asumibles, para reducir os danos sobre os poldros e as touras xa que os lobos seguirán chegando, e os controis non son a solución para a coexistencia equilibrada da fauna silvestre co gando "doméstico".