DEDICADA A TÓDOLOS AMANTES DA NATUREZA

lunes, 26 de diciembre de 2011

Tartaraña das Xunqueiras nas Gándaras de Budiño


As Gándaras de Budiño nunca defraudan. Acades máis ou menos observacións, este rico recuncho agradable e "tranquilo" sempre te deixa coas ganas de volver. O máis destacable da nosa breve visita foi a observación continuada durante máis de media hora dunha femia de tartaraña das xunqueiras (esp aguilucho lagunero nc Circus aeruginosus). Un fermoso exemplar que planexaba incesantemente pola braña na procura de alimento ( aves acuáticas principalmente, réptiles, anfibios e pequenos mamíferos), deixándonos a cada pouco unha mostra da súa asombrosa habilidade de voo facendo elegantes xiros para trocar a outra dirección. Este exemplar das fotos de cores pardos escuros agás na zona da cabeza e do pescozo de cor amarelo pálido deixase ver na contorna.


De paso observamos como un corvo mariño real (esp cormorán grande, nc Phalocrocorax carbo) mergullábase e mergullábase na procura de peixes, ata que o conseguiu e apareceu na superficie cun gran reo entre o pico. Nós apostamos que, debido ao tamaño do reo, non podería tragalo. Cun elegante e rápido movemento do pescozo, o peixe acabou no estómago desta ave tan fermosa como perseguida.

Invítovos a todos a que visitedes As Gándaras de Budiño para gozar da súa riqueza e para que non caian no esquecemento.

Podedes premer nas imaxes para amplialas.