DEDICADA A TÓDOLOS AMANTES DA NATUREZA

viernes, 20 de enero de 2012

O que se bota de menos


Pasaba o tempo, botaba algo de menos pero non sabía exactamente qué era.

A pesar da previsión de choiva o pasado domingo decidimos subir ao monte, en principio só para dar unha volta. Unha vez alí xa fomos entrando en calor cando atopamos algún rastro do lobo. Pero o ánimo axiña se prendeu e deu paso a unha busca concienciuda nos puntos clave "explorando" a zona. Atopamos un lugar rico en rastros, e decidimos que era o lugar da espera.

A temperatura e a auganeve, deron paso cara ao mediodía a unha boa nevada. En media hora todo era de cor branca. O coche estaba cuberto por máis de dez centímetros de espesor de neve. Nun intre, sen darnos conta porque estabamos centrados observando o terreo, todo se volveu máxico. O manto branco e o silencio brindounos unha paisaxe espectacular. E cos sentidos espertos, coma se o tempo se parase, deixando apartados outros pensamentos, gozamos daquel emocionante momento.

E así vimos un movemento non moi lonxe.

Prismáticos, e localizamos un fermoso raposo na procura de alimento remexendo a neve. Incansable durante máis de media hora deu voltas pola chan, e nós observamos ao raposiño fráxil e fermoso loitando por saír adiante. Nese mesmo intre, non puiden evitar pensar que en Galicia se celebran campionatos para matar raposos nos que gaña quen máis animais mata. E co paso dos anos e contemplando ao raposiño indefenso, sigo sen comprendelo.

Pouco a pouco a luz do día ía minguando.

Comezaba a pensar que ese día non tería sorte. Pero a sorte, a casualidade, a experiencia, ou un pouco de todas, déronme a recompensa polas horas de espera. Chegaron como nunca os vira. Xa antes os tiña mirado xogar, incluso con outros animais, pero o magnífico alarde de potencia correndo, derrapando e saltando na neve foi marabilloso. Lonxe da incomprensible imaxe que se ten deste animal, e coma min, por un tempo apartando cuestións máis transcendentais e deixando saír esa parte lúdica que semella que a neve esperta en nós, tamén os lobos se entregaron a unha morea de xogos.

Pero non podería rematar este relato así sen ser inxusto. Teño que agradecerlle a unha persoa moi sabia que me acompañaba, primeiro por atopar o lugar idóneo para a espera como se demostrou máis tarde. Despois porque en plena observación sen pensalo saquei a réflex, e ela me dixo "disfruta". Tan simple. Tan certo. Esa vez era para min. Captando a esencia de liberdade sen preocuparme de buscar enfoques e arriscarme a que me detectasen e marchasen. Tamén por acompañarme, como tantas outras veces, a unha zona de lobo sabendo a hora de partida pero non a de chegada. Así que desta vez o mérito é de Bego.


No hay comentarios:

Publicar un comentario